CCOO ENSINO ESÍXELLE Á CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN O REFORZAMENTO DO SERVIZO PÚBLICO DE PREVENCIÓN DE RISCOS LABORAIS ANTE O REINICIO EN SETEMBRO DA ACTIVIDADE EDUCATIVA PRESENCIAL

Ademais, CCOO-Ensino incide na necesidade de que o Servizo de Prevención de Riscos Laborais conte con servizos provinciais e coordinadores de prevención nos centros debidamente formados e con recursos.

CCOO-Ensino foi a única organización sindical que en todas as reunións cos representantes da administración educativa esixiu a avaliación de riscos de todos os postos de traballo da Consellería de Educación, Universidade e FP, tal e como establece o artigo 16 da Lei 31/1995 de prevención de riscos laborais, como paso obrigado á redacción de calquera protocolo que se aplique a partir da volta ás aulas en setembro. Se non se coñecen os riscos concretos en cada centro e posto, dificilmente será efectivo como medida de prevención concreta contra a COVID-19 calquera protocolo aplicado. 

A anterior medida debe complementarse coa convocatoria inmediata dos Comités de Seguridade e Saúde  Laboral da Consellería de Educación, tanto autonómica como provincial, xunto con outra batería ampla de propostas e medidas no eido educativo presentadas por CCOO-Ensino a semana pasada á prensa. En saúde laboral podemos destacar, entre outras:

  • Desinfección integral dos centros educativos previamente ao desenvolvemento da actividade.

  • Dotación e distribución centralizada de EPI.

  • Necesidade de dotar de protocolos de acceso aos centros, de desinfección e hixienización de espazos e materiais. 

  • Protocolos de actuación para aquelas persoas que, por situación de vulnerabilidade, non poidan incorporarse á actividade presencial, así como de atención ás situacións de conciliación da vida familiar e laboral das traballadoras e traballadores

  • Necesidade de información e formación específica en materia hixiénico-sanitaria para o persoal dos centros educativos.

En definitiva, dende a Federación de Ensino de CCOO esiximos a realización canto antes da avaliación de riscos laborais de cada posto de traballo en todos os centros da comunidade autónoma, para poder elaborar, en colaboración coas organizacións sindicais no seo dos Comités de Seguridade e Saúde Laboral, os protocolos para a volta ao ensino presencial en setembro con todas as garantías sanitarias e que a comunidade educativa teña a información de antemán para abordar esta volta coa seguridade e a tranquilidade necesarias.