CCOO-Ensino denuncia que a Xunta de Galicia non considere importante o investimento en Educación

Na Conferencia de Presidentes autonómicos do pasado domingo, Alberto Núñez Feijóo reclamou que os fondos destinados a educación queden liberados para  investir noutros fins. CCOO-Ensino pon de manifesto que a intervención do responsable máximo do Goberno galego amosa a pouca importancia que o Executivo autonómico dá a todas as cuestións relacionadas co ensino, ao non considerar necesario o investimento neste sector. Isto non é novo e vénse observando na política errática marcada polo electoralismo que supuxeron as decisións tomadas polo Goberno galego no eido educativo durante a crise provocada pola COVID-19.

CCOO-Ensino denuncia a falta de coordinación do Goberno autonómico e o intento de gañar a opinión pública con falsidades, xa que a intervención do presidente do Executivo galego é contraditoria coas declaracións feitas pola conselleira de Educación a un medio escrito, nas que afirmaba que se faría un investimento extraordinario tanto en medios como en persoal de educación.

CCOO-Ensino esíxelle a Feijóo unha rectificación na política educativa e que complemente o investimento en educación que con carácter finalista envía o Goberno central, cunha partida orzamentaria de carácter autonómico para dar resposta ás necesidades do sector e así poder executar unha reincorporación ás aulas con criterios de calidade no mes de setembro.