Mesa Sectorial 26 de maio. Oposicións e prórroga de direccións

Tanto a Consellería como as organizacións sindicais trasladámoslle ao MEFP a necesidade de modificar a normativa que permita aplicar o RD 84/2018 á oferta de 2021, para poder acumular as prazas das OPE de 2020 e 2021 nunha única convocatoria. De non abordarse o RD 84/2018 só podería aplicarse á oferta de 2020

Na Mesa Sectorial do Estado do día 19 de maio, o Ministerio responde que a modificación solicitada non sería suficiente para establecer garantías xurídicas que permitisen a acumulación das ofertas e, pola contra, interpreta de forma moi laxa que se poderían acumular as ofertas de emprego se a OPE correspondente ao 2021 se aprobase durante o ano 2020.

Esa interpretación confírmase nun documento interno sen carácter de informe xurídico que traslada á Consellería no transcurso da Mesa Sectorial do día de hoxe. Analizado o contido do documento, podemos concluír que a dita interpretación deixa moitas dúbidas xurídicas sobre a blindaxe das prazas de 2020 e todas as organizacions sindicais reclamamos á Consellería un informe xurídico que aclarase a idoneidade e a seguridade na acumulación das prazas.

A Consellería manifesta a súa intención de manter a convocatoria do 2020 se o informe xuridíco que van solicitar non avala a acumulación, e que procedería a reiniciar o proceso da convocatoria xa publicada. Polo que, en virtude do artigo 10 da Resolución do 20 de maio, publicada no BOE do 23 de maio, o prazo de matrícula reiniciaríase o 1 de xuño de 2020.

 

CCOO-Ensino sempre expuxo como obxectivo fundamental a blindaxe da oferta de emprego público de 2020 mantendo o número de prazas e as especialidades convocadas. Polo que todas as nosas propostas ían encamiñadas nesa liña. 

CCOO-Ensino lembroulle á Consellería, como xa manifestaramos na mesa sectorial anterior, que unha opción era realizar os dous procesos de modo diferenciado: a OPE do 2020 ao longo do curso e a OPE de 2021 no verán dese ano. Esta opción foi rexeitada de plano pola propia Administración e polo resto das OOSS que conforman a Mesa Sectorial. CCOO-Ensino era consciente das dificultades de executar unha OPE durante o curso, pero tratábase dunha proposta extraordinaria nunha situación excepcional. 

A outra opción era acumular as ofertas de 2020 e 2021 coa modificación normativa pertinente que permitise a garantía xurídica a dita acumulación.

A Consellería traslada a decisión de continuar coa convocatoria publicada e que a posibilidade de atrasar máis alá do estado de alarma os prazos tería que pasar pola súa anulación. CCOO-Ensino rexeita calquera medida que dependa da anulación ou desistencia da convocatoria da OPE de 2020, porque quedarían no aire tanto o número de prazas como as especialidades. 

Unha nova convocatoria quedaría ás expensas da decisión do novo Goberno galego que saia das urnas no mes de xullo así como de posibles limitacións que poida incorporar a Lei de orzamentos do Estado para o 2021.

Se en toda convocatoria as garantías xurídicas son importantes, neste caso trátase dunha cuestión fundamental, xa que calquera resquicio legal pode ser utilizado para impugnalas na vía xudicial por determinados colectivos que xa manifestaron de forma pública a súa desconformidade coa celebración dos procedementos selectivos. CCOO non vai ser cómplice dunha posible xudicialización que acabe anulando a convocatoria anunciada.