Instrucións de actuación para persoal vulnerable por COVID-19, conciliación e persoal que presta servizos en provincias distintas á da súa residencia no proceso de reincorporación ás aulas

Velaquí podedes ver as instrucións que se han seguir.

Publicado o 23 de maio de 2020

A Consellería publica a Resolución do 22 de maio na que se establecen instrucións para o reinicio da actividade lectiva presencial do curso 2019-20. 

CCOO-Ensino rexeita esas instrucións porque non se dan as garantías sanitarias para un retorno seguro á actividade educativa presencial. 

En todo caso, no proceso de negociación desas instrucións, a presión de CCOO logrou que a Consellería mudara as súas intencións e tivera en conta que os colectivos vulnerables por COVID-19 non se incorporen aos centros durante o trámite da súa solicitude e se engadira a dispensa de asistencia por motivos de conciliación da vida familiar e laboral. 

PERSOAL VULNERABLE POR COVID19

As persoas vulnerables á COVID-19 (persoas con hipertensión arterial, enfermidades cardiovasculares, diabetes, enfermidades pulmonares crónicas, cancro, inmunodepresión, embarazo ou por ser maior de 60 anos) poderán volver ao traballo, sempre que a súa condición clínica estea controlada e o permita, e mantendo as medidas de protección de xeito rigoroso. No caso de dúbida, o servizo de prevención de riscos laborais deberá avaliar a existencia de traballadores e traballadoras especialmente sensibles á infección polo coronavirus e emitir un informe sobre as medidas de prevención, adaptación do posto e protección necesarias.

O simple feito de que o/a traballador/a presente algunha das patoloxías indicadas ou teña máis de 60 anos non determina a súa consideración de traballador/a especialmente sensible. 

O traballador/a debe seguir o pasos seguintes

  • Dirixir unha instancia á dirección mediante ANEXO II.
  • A dirección do centro educativo emitirá, por cada solicitante, un informe no que se indiquen as tarefas e condicionantes específicos do posto de traballo, e a determinación das medidas de protección existentes.
  • A Inspección Médica Educativa analizará a petición achegada, e solicitará mediante correo electrónico ao/á traballador/a a documentación acreditativa da súa situación que resulte procedente para resolver a adaptación do posto de traballo ou a declaración de persoal como sensible e emitirá un  informe. 
  • É obrigatorio para o/a traballador/a achegar toda a documentación requirida polo servizo sanitario nun prazo máximo de 3 días hábiles; en caso contrario, entenderase que desiste da súa petición. 

Mentres se tramita o informe do especialista, o/a traballador/a non terá a obriga de acudir presencialmente ao centro pero si continuar a docencia telemática do alumnado.

 

DISPENSA POR CONCILIACIÓN DA VIDA FAMILIAR E LABORAL

Seguirá prestando o seu traballo en réxime de teletraballo ou traballo a distancia o persoal que teña ao seu cargo menores de 13 anos ou maiores dependentes e se vexa afectado, de ser o caso, polo peche de centros educativos ou de maiores, e non sexa compatible a súa situación persoal.

Considérase que teñen ao seu cargo maiores dependentes aquelas persoas que teñan concedida por este motivo unha comisión de servizos, para este curso académico 2019-2020, en atención a situacións persoais especiais por motivos de saúde e aquelas que teñan o cónxuxe, parella de feito ou unha persoa familiar de primeiro grao de consanguinidade ou afinidade cun grao de discapacidade recoñecido de, polo menos, o 65 %.

O/A traballador/a debe seguir o pasos seguintes

  • Dirixir a instancia á dirección mediante este ANEXO III para o persoal docente e estoutro ANEXO III para o resto de traballadores e traballadoras.
  • Acompañar a solicitude de documentación que se estime pertinente para acreditar o suposto (libro de familia, copia da comisión de servizo por motivos de saúde, certificado de dependencia ou certificado de discapacidade). 
  • A documentación conservarase no centro educativo e comunicarase a circunstancia ao servizo de persoal da xefatura territorial.

 

 

PERSOAL QUE PRESTA SERVIZOS  NUNHA PROVINCIA DISTINTA Á DE RESIDENCIA

A dirección do centro ten que emitir unha certificación conforme ese persoal ten que incorporarse de xeito presencial ao seu posto de traballo no centro educativo e para facelo ten que pasar os límites provinciais existentes entre o seu domicilio persoal e o do centro de traballo conforme ao ANEXO IV.

 

CCOO-Ensino recomenda ao persoal que pertenza a algún destes colectivos que presente os anexos cubertos en cada caso á o máis axiña posible, pois, de non o facer, o luns 25 de maio terían que incorporarse aos centros se así o determinase a súa dirección.