CCOO-ensino rexeita o “PROTOCOLO” presentado pola Consellería de Educación porque non se dan as garantías sanitarias para un retorno seguro á actividade educativa presencial

Os representantes de CCOO-ensino, primeiro sindicato do ensino en Galicia, volvéronlle trasladar á Consellería de Educación a súa oposición a calquera retorno á actividade educativa presencial así como o rexeitamento ao "protocolo" presentado .

Publicado o 22 de maio de 2020

Na xuntanza do Comité Intercentros de Seguridade e Saúde Laboral da Consellería de Educación celebrada hoxe por videoconferencia os representantes de CCOO-ensino, primeiro sindicato do ensino en Galicia, volvéronlle trasladar á Consellería de Educación a súa oposición a calquera retorno á actividade educativa presencial, ao non darse as condicións sanitarias suficientes e seguir apostando por manter o teletraballo ata final de curso.

Para CCOO-ensino a Consellería estaría incumprindo a normativa laboral, en concreto o artigo 16 da Lei 31/1995 de Prevención de Riscos Laborais (modificada pola Lei 54/2003) ao negarse a realizar as avaliacións de riscos en cada un dos postos de traballo. Incumprimentos da normativa laboral que xa foron ratificados polas Inspeccións de Traballo esta semana como consecuencia das denuncias presentadas por CCOO-ensino a raíz da apertura ao público dos centros educativos a partir do 11 de maio con presenza do equipo directivo e persoal de administración, limpeza e subalterno, e que viñeron a dar a razón a CCOO, emprazando á Consellería a cumprir coa súa obriga de información  e formación dos seus traballadoras e traballadores, asi como a negociación coa Representación Legal dos mesmos.

Sen tales avaliacións de riscos en cada posto de traballo, fundamentais a opinión de CCOO-ensino, calquera pretendido protocolo de actuación, como o  presentado pola Consellería esta semana, resulta vago, superficial, confuso e sobre todo ineficiente. CCOO entende que nesta situación  garantir o dereito á saúde é  prioritario sobre o dereito á educación de forma presencial, polo que rexeita o protocolo de incorporación á actividade presencial presentado pola Consellería. Ademais o dereito á educación pode garantirse de forma telemática.

CCOO valora positivamente varios cambios introducidos, grazas á presión sindical, como a exención de reincorporación á actividade presencial das persoas especialmente sensibles a COVID 19  (hipertensión arterial, enfermidades cardiovasculares, diabetes, enfermidades pulmonares crónicas, cancro en tratamento activo, inmunodeficiencia, embarazo ou maiores de 60 anos), por motivos derivados da conciliación familiar polo coidado de fillos/as menores de 13 anos, así como do persoal que teña ao seu cargo familiares dependentes, ou con alomenos un 65 % de discapacidade recoñecida e a todo ao profesorado que estea gozando dunha comisión de servizo por motivos de saúde dun familiar do docente.

CCOO-ensino trasladoulle á Consellería unha “folla de ruta” para a volta da actividade educativa presencial para setembro que irremediablemente debe pasar por:

  • Planificar con suficientes garantías para todos a reincorporación efectiva ás aulas en setembro, de darse un escenario que o permita

  • Realizar a avaliación dos postos de traballo de cada centro educativo e establecer protocolos de actuación específicos. 

  • Publicar unha orde cos requerimentos básicos que deben cumprir todos os centros

  • Impartir formación básica para todos e todas as traballadoras en PRL, dirixida ao uso de EPIS, limpeza adecuada das superficies, etc. 

  • Convocar (ou constituir) urxentemente os comités de saúde laboral das provincias, xa que son os que mellor coñecen a realidade dos centros. É moi grave que nalgunhas provincias non estean constituídos ou leven anos sen convocarse. Estes comités deben convocarse, xunto ao Comité Intercentros de Seguridade e Saúde Laboral coa suficiente antelación para preparar a volta con garantías á actividade presencial e non, como está a acontecer, esperando ao último momento á pretendida volta á presencialidade, o que amosa a pouca importancia que lle dá esta Consellería á sáude laboral dos seus traballores/as, aspecto este fundamental para CCOO.