CCOO-Ensino oponse á volta aos centros do alumnado de 2.º de FP e 2.º de Bacharelato a partir do 25 de maio mentres non se dean garantías sanitarias

Ante a decisión da Consellería de autorizar a volta á actividade lectiva de modo voluntario ao alumnado de 2.º Bacharelato e 2.º de ciclos medios e superiores de Formación Profesional, CCOO-Ensino insiste en que non se dan as garantías sanitarias e de seguridade para esta reincorporación.

 

Publicado o 14 de maio de 2020

Se a Consellería resolve seguir adiante con esta decisión, é imprescindible realizar previamente a avaliación de riscos de cada posto de traballo e elaborar protocolos de actuación específicos fronte ao COVID-19 para minimizar os riscos e reforzar a seguridade e saúde no traballo. A Consellería non levou a cabo estas avaliacións, vulnerando a preceptiva Lei de prevención de riscos laborais. 

A Consellería eludiu as súas responsabilidades, amparándose en que o Ministerio lle traslade o protocolo que elabore para Ceuta, Melilla e Exterior. Temos que lembrarlle á Consellería que estes son territorios de competencia exclusiva do Ministerio, e que non pode pretender trasladar as casuísticas doutros territorios a Galicia. Incluso dentro do mesmo territorio, os protocolos non son intercambiables pola situación específica de cada centro.

CCOO-Ensino esixe instrucións claras para a organización destas xornadas lectivas presencias e voluntarias, acceso ao centro, distancia social, EPI...

CCOO-Ensino lémbralle a todas as traballadoras e traballadores a necesidade de solicitar a avaliación do seu posto de traballo se teñen que incorporarse a partir do 25 de maio, especialmente aqueles que estean en grupo de risco. 

CCOO-Ensino estaremos vixiantes ao desenvolvemento desta actividade e non dubidaremos en denunciar ante a autoridade laboral pertinente calquera situación que poña en risco a saúde das traballadoras e traballadores aos que representamos así como do alumnado.

Instamos aos traballadores e traballadoras a que de darse calquera situación que poña en risco a súa seguridade e saúde, nola trasladen e se poñan en contacto connosco no enderezo ensino@galicia.ccoo.es para poder realizar a denuncia pertinente.