Unha xuntanza totalmente estéril e sen conclusións

ver RESUMO da XUNTANZA

A conselleira convoca unha xuntanza o día 13 de maio coas organizacións sindicais e confederacións de ANPAS do ensino público e privado co pretexto de escoitar a nosa opinión sobre:

    •  a reactivación do curso 2019-20 de modo presencial a partir do 25 de maio
    •  o inicio do curso 2020-21

Nada máis lonxe da realidade. A xuntanza, na que non se nos presentou ningún tipo de proposta para levar á Conferencia Sectorial do día seguinte e na que se limitou o tempo de exposición de cada organización a cinco minutos, tivo por obxecto criticar a actuación dos Ministerios de Educación e Sanidade, instalada na súa actitude de campaña electoral permanente.

 REACTIVACIÓN DA ACTIVIDADE LECTIVA PRESENCIAL NO MES DE MAIO

CCOO-ensino oponse á reincorporación no mes de maio. Consideramos unha irresponsabilidade a volta aos centros nas condicións actuais, polo que lle esiximos á Administración que dea por finalizada a actividade lectiva presencial no curso 2019-20.

A OMS manifestouse en contra da apertura dos centros educativos, xa que o alumnado constitúe un importante vector de transmisión da COVID-19. Da mesma forma, as autoridades sanitarias están advertindo da necesidade de protección, de manter distancias de seguridade…

É imprescindible realizar a avaliación de riscos de cada posto de traballo e elaborar protocolos de actuación específicos fronte á COVID19 para minimizar os riscos e reforzar a seguridade e saúde no traballo.

En Galicia non se dá ningunha destas condicións. A Consellería négase a asumir a súa responsabilidade escudándose en agardar  ás medidas que poidan tomar os Ministerios de Educación e Sanidade; renuncia así a exercer as súas competencias, vulnerando a Lei de prevención de riscos laborais e desprotexendo os seus traballadores e traballadoras.   

O día 11 de maio abríronse os centros para a reactivación do procedemento de admisión do alumnado e tramitación das axudas e préstamos de libros de texto, polo que tiveron que acudir ao seu posto de traballo membros dos equipos directivos, persoal de limpeza, subalterno e persoal de administración sen ningún protocolo derivado da avaliación de riscos de cada posto de traballo. Previamente, e ante o anuncio desta volta á actividade, o 6 de maio CCOO-Ensino solicitara á conselleira e á Secretaría Xeral Técnica diversas medidas de seguridade que considerabamos prioritarias para retomar o traballo nos centros. Ante a falta de resposta, CCOO-Ensino solicitou a convocatoria urxente dos Comités de Saúde e Seguridade no Traballo e presentou denuncia ante a Inspección de Traballo.

Nas condicións actuais, rexeitamos a posibilidade da reincorporación ás aulas do alumnado, especialmente do de Educación Infantil e Educación Especial co que resultaría máis difícil manter as medidas de seguridade e distanciamento social polas súas propias características. Somos conscientes da necesidade da conciliación da vida familiar e laboral, pero a escola non pode concibirse dende unha perspectiva meramente asistencial. A sociedade actual require dunha regulación destas medidas no ámbito laboral nas diferentes empresas.

CCOO-Ensino insiste en que non se dan as condicións para a volta á actividade presencial en ningunha das etapas.

 ABAU 

Con respecto á ABAU, responderon facendo referencia á autonomía das universidades. Consideramos que a comunidade educativa debera coñecer xa a planificación destas probas e, de desenvolverse presencialmente, hai que garantir máis e máis amplos espazos ca noutras convocatorias, incremento do profesorado, acceso escalonado, protocolos de acceso, dotación de EPI… É dicir, protocolarizar todas as medidas necesarias para garantir o que esixen as autoridades sanitarias.

 PROBAS DE ACCESO A CICLOS, CERTIFICACIÓN DE IDIOMAS E ACCESO A ENSINANZAS ARTÍSTICAS

Sobre estas probas non se avanza información e demandamos as mesmas condicións que para a ABAU.

 CURSO 2020-2021

Os datos que temos sobre a evolución da pandemia (non se descarta unha nova crise de infección por COVID-19) definen unha “nova normalidade” que require a implementación de novas medidas para o inicio do seguinte curso. O ministerio adiantou a posibilidade dun modelo escolar mixto “en liña e presencial”. Contamos con tempo suficiente para planificar.  

Coa proposta do Ministerio, anúnciase a posibilidade de aulas nas que as ratios non superen os 15 alumnos/as. CCOO-Ensino xa manifestara a necesidade de reducir as ratios nesta situación, polo que nos parece acertado para garantir a distancia de seguridade e unha atención máis personalizada para recuperar o non traballado no terceiro trimestre do actual curso. Pero unha decisión neste sentido ten que vir acompañada dun incremento moi importante dos cadros de persoal, por un lado, e de medidas organizativas por outro. É aquí onde entra a obriga de negociación cos representantes do profesorado porque se van modificar as súas condicións de traballo. Hai que definir que parte do alumnado asiste ao centro e que parte está na casa, se a asistencia é por quendas de mañá e tarde, ou por días ou semanas alternas, que cuestións se traballan presenciais e cales telemáticas… 

En calquera caso, de cara ao inicio do vindeiro curso cómpre unha planificación moi distinta á que se viña facendo ata o de agora. Entre outras cuestións, haberá que abordar:

  • A redución da fenda dixital e territorial existente na nosa comunidade, con plans para que chegue a conexión de calidade a todas as zonas de Galicia.
  • A dotación de medios tecnolóxicos aos centros, de forma que o alumnado, pero  tamén o profesorado, teñan acceso a todo o necesario para teletraballar dende a casa. Correspóndelle á Consellería  dotar as súas traballadoras e traballadores das ferramentas que permitan desenvolver o seu labor garantindo a calidade do servizo de acordo cunha directive europea.
  • A Consellería debe adecuar a plataforma garantindo a seguridade e dotar con ferramentas de correo electrónico seguro, xestor de arquivos e almacenamento na nube, aplicación de videoconferencias, etc. e, sobre todo, fornecer de contidos dixitais para o desenvolvemento das metodoloxías de teletraballo a todo o profesorado.
  • Identificación de traballadores/as e alumnado máis vulnerable e con máis risco de exposición ao contaxio. Protocolo sinxelo para adaptar o posto de traballo de quen pertenza a estes colectivos mediante unha guía de  actuación preventiva ante o coronavirus no ámbito do ensino.
  • Plan de formación urxente. Temos un profesorado excelentemente formado pero sen experiencia nunha situación en que as metodoloxías teñen que adaptarse a un ensino a distancia e non poden ser as mesmas que no traballo presencial.
  • Dotación de material de protección, se for necesario, segundo criterios de Sanidade e de acordo coa avaliación do posto de traballo: máscaras, xel, EPI…
  • Instrucións claras de coordinación e horarios no teletraballo. Non se pode trasladar o horario das clases presenciais. Non podemos esixirlle ao alumnado de secundaria obrigatoria, por exemplo, que estea conectado 32 horas semanais.
  • É  preciso garantir tamén a distancia recomendada nos comedores escolares, o que require unha nova forma de organizalos. Débense incluír axudas de manutención para o alumnado en situación de vulnerabilidade que permaneza na casa como consecuencia da redución das ratios.

Tras esta xuntanza decepcionante e estéril, pedímoslle á Conselleira que deixe de estar en campaña electoral permanente e que, dentro das competencias que ten a comunidade galega, organice e xestione o ensino de Galicia tendo en conta as premisas anteriores.