CCOO-Ensino esixe á Consellería de Educación que decida a finalización da actividade lectiva presencial no curso 2019-20

Neste momento e a pesar das novas que van deslizándose polas distintas canles de comunicación, non coñecemos se a Consellería ordenará a apertura dos centros antes de finais de curso para todo ou parte do alumnado coa incorporación do correspondente profesorado.

O posicionamento de CCOO-ensino é claro. Esiximos á Administración que dea por finalizada a actividade lectiva presencial para o curso 2019/20 porque non hai garantías sanitarias nin para o alumnado nin para o persoal docente e non docente. Sería unha irresponsabilidade a volta aos centros nestas condicións.

Da mesma forma rexeitamos a posiilidade dunha volta parcial que afecte unicamente a determinadas etapas. No caso de EI e EE, que esta quede suxeita “á voluntariedade das familias” e condicionada á “conciliación da vida familiar e laboral nos casos en que os país e as nais teñan que voltar ao trabalo” suporía unha definición reducionista da escola a un carácter meramente asistencial identificandoa como “gardería”. Ademáis, nesta franxa de idade e alumnado, resulta imposible garantir a distancia de seguridade

CCOO-ensino considera que a volta do alumnado aos centros debe producirse no mes de setembro. desta forma a administración tería tempo suficiente para negociar criterios e protocolos coa representación sindical a través dos Comités de Seguridade e Saúde Laboral tal e como lle obriga a Lei. Tamén habería tempo, para de modo urxente, formar ás persoas traballadoras en medidas de prevención e a dotación de medios  e de persoal aos centros.

Independentemente destas decisións o luns día 11 de maio os centros educativos abren co obxecto de reanudar o proceso de admisión de alumnado e iniciar os procedementos de préstamo e devolución de libros de texto. Desta forma membros dos equipos directivos, administrativos, persoal de limpeza e conserxes estarán desenvolvendo as súas funcións. E todo isto sen avaliación de riscos e sen protocolo de actuación. CCOO-ensino lembra que era preceptivo ter realizada unha avaliación inicial de riscos para a seguridade e saúde das e dos traballadores coa participación das e dos delegados de prevención e non se fixo ou se foi realizada as OOSS non fomos nin convocadas nin informadas.

Por todos estes motivos CCOO-ensino ven de solicitar á Consellería de Educación os informes do Servizo de Prevención de Riscos Laborais sobre a avaliación dos diferentes postos de traballo a desenvolver dende o día 11 de maio. Pero tamén de todos aqueles que este curso ou a principios de setembro teñan que desenvolverse. 

Manifestamos que de non terse realizada esta avaliación non debería haber ningunha actividade nos centros. Así mesmo solicitamos se nos facilite o Plan de Prevención e os protocolos a seguir polo COVID19. 

As Leis 31/1995 e 54/2003 obrigan a estas medidas e por iso recomendamos a todo o profesorado e a todo o persoal non docente que solicite inmediatamente a avaliación do seu posto de traballo e ,de ser necesaria, a súa adaptación. Podedes usar o seguinte MODELO 

CCOO-ensino advirte á administración educativa que de non cumplir cos preceptos legais iniciará as accións que consideremos oportunas polo incumprimento da Lei de prevención de riscos laboráis