As traballadoras e traballadores da Consellería de Educación abandonados á súa sorte na incorporación aos centros no inicio do proceso de desescalada

A partir do día 11 de maio restablécese o prazo do procedemento de admisión do alumnado e  vai organizarse a tramitación das axudas e préstamos de libros de texto. Para dar cumprimento a este acordo do Cecop decídese incrementar a presenza de traballadores nos centros educativos. Desta forma van coincidir no recinto escolar o persoal docente e non docente da Consellería coas familias que acudan a formalizar a matrícula e a xestionar os libros de texto dos seus fillos e fillas. 

CCOO-ensino lamenta que as medidas de seguridade da saúde publicadas onte no portal da Consellería sexan claramente insuficientes. Nin sequera son instrucións, quédanse en recomendacións, advertindo que son provisionais, o que vai  levar a unha aplicación moi diferente nos centros, xunto coa inseguridade que produce ese carácter de provisionalidade.

CCOO-ensino considera inadmisible que a propia Conselleira se agoche, como é habitúal nela, trasladando a responsabilidade ao Ministerio de Educación para que esixa ao Ministerio de Sanidade un protocolo específico para educación. Parece que outros conselleiros teñen en mellor consideración aos seus traballadores e que a nosa segue en campaña electoral desentendéndose da súa responsabilidade. 

CCOO-ensino denuncia que mentres as e os traballadores doutras consellerías teñen especificado nunha Guía de actuación como será a volta ao seu posto de traballo, o persoal que presta servizos na Consellería de Educación ten que incorporase sen ningún protocolo e coa consideración de persoal de baixa probabilidade de exposición, feito refrendado polas palabras do Secretario Xeral Técnico da Consellería nas que afirmou que medios como EPI ou mascarillas non se distribuirían porque para este nivel de risco non son esixibles. 

Cómpre lembrar que na Guía de actuación fronte ao virus publicada no DOG do 17 de abril de 2020 está expresamente excluído do ámbito de actuación do mesmo o persoal do Sergas dos centros sanitarios e o persoal destinado en centros docentes da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, así como aqueles outros entes ou organismos que contan con servizo de prevención propio ou alleo.

Con facer unicamente recomendacións e coa falta de protocolos o que fai a Consellería é trasladar a responsabilidade da administración aos equipos directivos. Que vai pasar cando unha dirección non poida contar co administrativo porque esta de baixa ou é colectivo de risco? Onde se van cambiar as limpadoras?. Como e quen  vai controlar o acceso dos usuarios ao centro? Quen vai subministrar guantes, EPI en caso de ser necesarios?. Quen controlará que se manteña a distancia de seguridade? Cal é o procedemento para que os colectivos de risco soliciten adaptación do posto de traballo?… demasiados interrogantes e poucas solucións.

En ningún momento foron convocados os Comités de Seguridade e Saúde Laboral ditándose normas, instrucións e recomendacións á marxe do mandato legal que confire a Lei 31/95 de Prevención de Riscos Laborais á representación das e dos traballadores. Correspóndelles a estes a avaliación da situación concreta de cada centro para logo definir os protocolos individualizados en función das características de cada caso.

CCOO-ensino xa solicitou unha xuntanza urxente do Comité Intercentros de Seguridade e Saúde no Traballo da Consellería pois no marco da negociación colectiva é onde se deben tratar estes temas e non emitindo instrucións e recomendacións a dous días de iniciar a actividade o que redunda na incertidume e abandono que está a sufrir o persoal traballador da Consellería de Educación.