A Federación de Ensino de CCOO insta as patronais e organizacións sindicais do sector do 0-3 a abordar conxuntamente o inicio do próximo curso

Publicado o 06 de maio de 2020

ver CCOO-Informa

CCOO xa sinalou a súa preocupación pola dificultade de garantir as mínimas medidas de prevención co alumnado da etapa de Educación Infantil, manifestando que a volta á actividade debería de producirse en calquera caso no mes de setembro. O contrario, non podería producirse sen a intervención das organizacións sindicais representativas do 0-3 e por este motivo, como sindicato maioritario, instamos ao conxunto do sector á celebración, con carácter de urxencia,  dunha próxima reunión.

Nun momento no que se está expondo a volta ao traballo de miles de traballadoras do sector e diante dun próximo curso no que a “nova normalidade” será necesariamente distinta á que coñecimos antes da declaración do Estado de Alarma, a negociación dunhas condicións laborais que garantan a súa seguridade, así como a do propio alumnado, esixen que as organizacións sindicais e as patronais do sector se reunan co obxectivo de abordar os interrogantes e inquietudes que neste momento planean sobre entidades e traballadoras.

Debemos ter prevista unha volta á actividade educativa (non asistencial) adaptada a un escenario cuxa principal característica será o cambio constante diante as diferentes situacións de inestabilidade e incerteza que poidan exporse. E neste sentido a planificación resulta imprescindible para afrontar con garantías o inicio do próximo curso escolar.

CON CCOO LOITAS, CON CCOO AVANZAS