CCOO-Ensino esíxelle á Consellería medidas e protocolos para a desescalada e a planificación urxente do vindeiro curso

Con motivo da crise sanitaria provocada polo COVID-19, suspendeuse a actividade lectiva presencial nos centros educativos dende o día 15 de marzo. Iniciado xa o proceso de desescalada e tras diversos anuncios sobre a posibilidade de retomar actividades presenciais, a CCOO-Ensino preocúpanos como está a abordar a Consellería de Educación a presenza dos traballadores e traballadoras do ensino, familias e alumnado nos centros educativos. 

Esta información xa a solicitamos no punto de rogos e preguntas da Mesa Sectorial do día 30 de abril de 2020 e os dous directores xerais presentes  respondéronnos que non tiñan competencia neste tema e que lle correspondía á Secretaría Xeral Técnica, á que lle trasladarían as nosas inquedanzas. Ao non recibirmos contestación, poñémonos en contacto con vostede para coñecer como pensaban organizar, por un lado, as actividades máis inmediatas e, por outro, a volta aos centros ao inicio do vindeiro curso.

Con respecto ás actividades inmediatas, preocúpanos a planificación do período de procedemento de admisión do alumnado e tramitación das axudas e préstamos de libros de texto, no que coincidirán no recinto escolar os traballadores docentes e non docentes da Consellería coas familias que acudan a matricular os seus fillos e fillas. Coñecemos a Resolución de 5 de maio de 2020 da SXT da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, que consideramos insuficiente. Para esta actividade en concreto, solicitamos que se amplíen as instrucións con respecto a diversas medidas que dende esta organización consideramos prioritarias:

  • Desinfección dos centros educativos previamente ao desenvolvemento desta actividade  e tamén durante o tempo que dure.
  • Limitación de horario de apertura dos centros tanto para traballadores e traballadoras (equipo directivo, PSEC, persoal administrativo) como para as familias.
  • Como garantir a distancia de seguridade.
  • Definición e distribución dos espazos utilizables.
  • Establecemento dun sistema de cita previa  para a atención e recepción de documentación no centro.

Seguindo coas actividades inmediatas, estamos a coñecer polos medios de comunicación a intención da incorporación voluntaria aos centros daquel alumnado cuxos pais se incorporen á súa actividade laboral. CCOO-Ensino rexeita que se pretenda usar a escola como un elemento puramente asistencial, e que a volta a ela se rexa exclusivamente por criterios de conciliación da vida familiar e laboral. Os centros educativos son moito máis e non poden ter como única función a conciliación. Hai que considerar os riscos para a saúde do alumnado e das traballadoras e traballadores. Todas as medidas que se tomen na desescalada e na volta aos centros deben ir dirixidas a garantir a saúde e a seguridade de toda a comunidade educativa. Consideramos que a actividade presencial no actual curso debe darse por finalizada. 

O que está claro é que esta decisión non nos corresponde e, ante a posibilidade de que a Consellería decida a volta aos centros de todo ou parte do alumnado, faise necesario adoptar medidas no que respecta a moitas cuestións: 

  • Instrucións claras, formación e medios para realizar a limpeza e desinfección dos postos de traballo, dos espazos e  materiais de uso común.
  • Establecemento e dotación das medidas de protección necesarias.
  • Dotación de material de protección.
  • Identificación de traballadores e alumnado máis vulnerable e con máis risco de exposición ao contaxio.

En definitiva, demandamos protocolos de actuación nos que se recolla todo o anterior, pero tamén a forma de acceder á adaptación do posto de traballo para os citados colectivos que presentan máis risco na posible exposición ao contaxio e que xa están definidos por Sanidade. Demandamos que o Servizo de Prevención de Riscos Laborais da Consellería de Educación publique unha Guía de actuación preventiva ante o coronavirus no ámbito do Ensino, na que se estableza o protocolo interno de actuación á hora de abordar a prevención da infección do coronavirus, dende a óptica da súa prevención no terreo laboral, así como os mecanismos de protección dos traballadores e traballadoras, con especial referencia aos potencialmente sensibles, xa que na que aproba o Cecop o 14 de abril de 2020 (DOG número 74, de 17 de abril) o persoal destinado en centros docentes da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional queda excluído.

Esta situación excepcional non remata co final do curso. Os datos que temos sobre a evolución da pandemia (non se descarta unha nova vaga de infección por COVID-19) están a levar ao Ministerio e as comunidades autónomas á necesidade de organizar un modelo escolar mixto: en liña  e presencial. Esta “nova normalidade” require que se implementen novas medidas para o inicio do seguinte curso. Contamos con tempo suficiente para planificar. Como lexítimos representantes das traballadoras e dos traballadores que somos, demandamos participación .

Coa proposta mixta anúnciase a posibilidade de aulas nas que as ratios non superen os 15 alumnos/as. CCOO-Ensino xa manifestara a necesidade de reducir as ratios nesta situación, polo que nos parece acertado para garantir a distancia de seguridade e unha atención máis personalizada para recuperar o non traballado no terceiro trimestre do actual curso. Pero unha decisión neste sentido ten que vir acompañada dun incremento considerable dos cadros de persoal, por un lado, e de medidas organizativas creativas por outro. É aquí onde entra a obriga de negociación cos representantes do profesorado porque van modificarse as súas condicións de traballo. Hai que definir que parte do alumnado asiste ao centro e que parte está na casa, se a asitencia é por quendas de mañá e tarde ou por días, ou semanas alternas, que cuestións se traballan presenciais e cales telemáticas… 

En calquera caso, con vistas ao inicio do vindeiro curso, cómpre unha planificación moi distinta á que viña facéndose ata o de agora. Entre outras cuestións haberá que abordar:

  • A redución da fenda dixital e territorial existente na nosa comunidade, con plans para que chegue a conexión de calidade a todas as zonas de Galicia. Pero tamén debe asegurarse a dotación de medios a todo o alumnado para poder acceder ao teletraballo. 
  • A dotación de medios tecnolóxicos aos centros, de forma que o alumnado, pero tamén o profesorado, teñan acceso a todo o necesario para teletraballar dende a casa. Corresponde á Consellería  dotar as súas traballadoras e traballadores das ferramentas que permitan desenvolver o seu labor garantindo a calidade do servizo.
  • A Consellería debe adecuar a plataforma garantindo a seguridade, e dotar con ferramentas de correo electrónico seguro, xestor de arquivos e almacenamento na nube, aplicación de videoconferencias, etc. e, sobre todo, fornecer de contidos dixitais para o desenvolvemento das metodoloxías de teletraballo a todo o profesorado. Sen unha modernización e desenvolvemento das ferramentas é imposible acometer unha nova situación como a actual.
  • Necesítase con urxencia un Plan de formación. Temos un profesorado excelentemente formado pero sen experiencia nunha situación na que as metodoloxías teñen que adaptarse a un ensino a distancia e non poden ser as mesmas que no traballo presencial.
  • Dotación de material de protección, casose for necesario, segundo criterios de Sanidade: máscaras, xel, EPI…
  • Instrucións claras de coordinación e horarios no teletraballo. Non se pode trasladar o horario das clases presenciais. Non podemos esixir ao alumnado de secundaria obrigatoria, por exemplo, que estea conectado 32 horas semanais. 
  • Identificación de traballadores e alumnado máis vulnerable e con máis risco de exposición ao contaxio. Protocolo sinxelo para adaptación do posto de traballo para quen pertenza a estes colectivos mediante a guía proposta anteriormente.
  • É  preciso garantir tamén a distancia recomendada nos comedores escolares, de forma que non poden organizarse como ata agora. Débense incluír axudas de manutención para o alumnado en situación de vulnerabilidade que permaneza na casa como consecuencia da redución das ratios

Así como será necesario practicamente duplicar os cadros de persoal docentes, esta situación tamén requirirá un incremento na dotación de persoal do PSEC polo incremento da carga de traballo que vai xerarse. Non será posible que un comedor incremente as quendas para garantir a distancia interpersoal co mesmo número de persoas atendendoo. Ademais, entre quenda e quenda haberá que desinfectar a maiores da limpeza ordinaria. Da mesma forma, a desinfección da mesma dependencia varias veces incrementará o número de metros asignado a cada traballadora de limpeza.  

En resumo, o que estamos a solicitar é a planificación e a súa concreción mediante protocolos claros e seguros para desenvolver a actividade educativa.