XUBILACIÓNS DO RÉXIME DE CLASES PASIVAS E RDL 15/2020: UNICAMENTE CAMBIOS NA XESTIÓN DAS PENSIÓNS

O RDL 15/2020 do 21 de abril (BOE 22 de abril de 2020) introduce un cambio no RCP polo que se traspasa o sistema de xestión das pensións deste réxime do Ministerio de Facenda no que historicamente se encadraba ao Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións.

O regulado no RDL 15/2020 NON CAMBIA NADA en Clases Pasivas nas modalidades de xubilación (anticipada aos 60 anos…), nos requisitos, contía e cálculo das pensións…

 

Publicado o 29 de abril de 2020

ver infórmaTE

Este traspaso estableceuse no  RD 2/2020 (BOE 13 de xaneiro) e foi explicado polo ministro no Congreso. Algúns semella que se enteraron 3 meses despois. O aprobado no RDL 15/2020 só dá cumprimento a esa integración e, en ningún caso, supón unha diminución de dereitos para os seus beneficiarios.

Insistimos, o único que cambia é a xestión das cuestións relacionadas coas pensións do RCP. E ademais faino en dous tempos. Nun primeiro momento e de forma transitoria a tramitación corresponderá á Dirección Xeral da Seguridade Social; posteriormente, cando se estableza nunha norma legal a estrutura do Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións a xestión pasará ás entidades xestoras da seguridade social: INSS e Tesourería Xeral da Seguridade Social. 

Este cambio só afecta a aqueles que ingresaron na función pública docente con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2011.  Todos os e as que ingresaron con posterioridade  a esa data pertencen a efectos de pensións ao Réxime Xeral da Seguridade Social (RXSS). As normativas dos dous rexímenes son completamente distintas. Tamén é distinto o seu financiamento xa que o RXSS finánciase mediante a caixa única da Seguridade social e o RCP finánciase vía PXE.

Desde CCOO-ensino non entendemos, por un lado, a suposta urxencia deste traspaso  cando aínda no se estableceu a estrutura do Ministerio, e por outro, a fórmula elixida do procedemento extraordinario do Real Decreto Lei no que xunto a outras medidas relativas ao COVID 19  abórdanse as adaptacións legais para a xestión de clases pasivas polo novo Ministerio. Demandamos deste transparencia e diálogo coas organizacións sindicais.

Neste contexto resulta inadmisible que determinadas organizacións sindicais, partidos políticos da oposición e medios de comunicación vinculados ás posicións máis conservadoras pretendan confundir aos empregados e empregadas públicos en xeral, e ao profesorado en particular, afirmando que se fulminan por decreto as pensións do réxime de Clases Pasivas.  CCOO-ensino denuncia unha estratexia sindical e política coordinada para difundir estes bulos que se converten nun instrumento fundamental para atacar ás institucións. CCOO advírtelles que non todo vale, que coa nosa xubilación no se xoga.

Convén recordar que entre os grupos políticos que se indignan agora por unha medida que coñecen dende hai tres meses escóndense propostas electorais moi lesivas para os empregados públicos. Nomeadamente o grupo de ultradereita que di que presentará recurso ante o Tribunal  Constitucional polo cambio de adscrición inclúe na páxina 11 do seu programa económico para as eleccións de 2019 propón “Acelerar a desaparición de Clases Pasivas é Mutualidades de Funcionarios”.

Da mesma forma coas siglas  dalgunha organización sindical difúndese por redes a idea de que a xubilación anticipada remata no ano 2021 utilizando un documento do ano 2011 ao que se lle retirou a data e semella ser actual. 

Na actualidade non existe ningunha proposta de cambios no Réxime de Clases Pasivas. Lembramos que calquera reforma do sistema debe circunscribirse ao debate da comisión parlamentar do Pacto de Toledo e á negociación cos representantes lexítimos do profesorado.