CCOO considera que as instrucións publicadas para o terceiro trimestre chegan tarde e carecen de concreción

A Consellería traslada a responsabilidade aos centros e ao profesorado, incrementando a carga burocrátia do seu traballo.

Publicado o 29 de abril de 2020

CCOO-ensino leva demandando instrucións claras dende antes do inicio do terceiro trimestre. Os motivos son evidentes: o profesorado ten que programar a súa actuación co alumnado antes do desenvolvemento da súa actividade. A Consellería e o Ministerio emitiron as instrucións cun atraso tal que semella que non coñecen o funcionamento da práctica docente. As instrucións definitivas publicadas con data de 28 de abril chegan moi tarde; a Consellería non se aplicou o rigor que lle pide ao profesorado, que debe presentar as programacións o 12 de maio, prazo a todas luces insuficiente.

Lamentamos a hipocrisía da conselleira, que fala de lealdade institucional mentres practica unha política educativa partidista dirixida a prexudicar as propostas ministeriais e a ocultar a desfeita da súa Consellería.

Lamentamos que a conselleira demande ser escoitada polo Ministerio cando ela non escoita a comunidade educativa galega. Na reunión coas AMPAS e organizacións sindicais (o día despois de presentarse no Parlamento) non achegou ningunha información que non coñeceramos previamente polos medios de comunicación.

Lamentamos que para a conselleira a dotación duns cantos ordenadores sexan a solución á situación que estamos a vivir. Semella que non coñece a nosa realidade educativa e territorial. A fenda dixital é moito máis grande do que ela pensa e abrangue dende a falta de equipos informáticos á falta de sinal en moitas zonas do noso territorio, pasando pola falta de formación do alumnado e do profesorado para desenvolver a actividade lectiva de forma telemática.

Lamentamos que a conselleira siga facendo campaña electoral en cada intervención pública e teña a ousadía de transmitir, no punto oito das intrucións, a idea ficticia de que se vai dotar cos medios a todos os centros que os soliciten.

Lamentamos, lamentamos, lamentamos… e poderiamos seguir sumando lamento tras lamento, pero queremos informar das instrucións e que se coñeza a nosa valoración das decisións tomadas.

Aquí podedes consultar a VALORACIÓN COMPLETA das ditas instrucións.