28 A - Día internacional da saúde e seguridade no traballo

A  epidemia de COVID-19 revela a debilidade da prevención de riscos laborais no noso país

Publicado o 27 de abril de 2020

ver CARTAZ

ver MANIFESTO CONXUNTO

A chegada da pandemia de COVID-19 acabou por arrasar a prevención en España. Cando por fin se constatou a gravidade do problema, as autoridades sanitarias empezaron a publicar instrucións e procedementos e, finalmente, declarouse o estado de alarma, o caos desatouse no noso sistema preventivo. Os servizos de prevención, actores indispensables para a organización e integración das actividades preventivas nas empresas, mostraron en moitos casos tremendas limitacións á hora de facer fronte ao reto de avaliar e establecer medidas preventivas para limitar as exposicións ao virus, convertendo en papel mollado as instrucións das autoridades sanitarias. E se estas limitacións se puideron apreciar en servizos de prevención propios, no caso dos servizos de prevención alleos alcanzaron cotas escandalosas. A maioría dos servizos de prevención alleos non foron desenvolvendo tempo antes unha verdadeira prevención nas empresas, senón que se limitan a tramitar a documentación requirida co fin de cumprir, para os efectos meramente formais, coa normativa e, como moito, ofertan avaliacións de risco tipo e uns recoñecementos médicos non específicos.

Nestes días son moitas as voces que insisten en que tras a pandemia se configurará un mundo diferente, aínda que ninguén se atreve a asegurar cal vai ser a dirección desa reformulación. Na pequena escala do ámbito da prevención española cómpre un cambio de paradigma para que a saúde e a seguridade das persoas traballadoras se converta na prioridade inescusable e no eixe sobre o que pivote todo o sistema. Pero para iso será necesaria a mobilización de toda a clase traballadora, non só do noso país, para que o sistema económico e de relacións sociais do que nos dotemos non se contrapoña á saúde e a vida.