CCOO-Ensino considera inadmisible que a 16 de abril non existan instrucións claras sobre os contidos e a forma de avaliación do terceiro trimestre

Para CCOO-Ensino, retomar as clases presenciais non é unha prioridade e a decisión final debe estar avalada polas autoridades sanitarias. Sempre que as condicións permitan a volta á actividade lectiva presencial, esta debe priorizar, coidar e atender á estabilidade emocional e psicolóxica do alumnado, que vén de vivir situacións moi diversas, en moitos casos traumáticas, durante o período de confinamento.

A hipotética apertura dos centros no mes de xullo tamén debe depender dos mesmos criterios sanitarios e quedar enmarcada no programa PROA, compatibilizando con actividades lúdicas e deportivas e dando prioridade a aquel alumnado máis vulnerable, como elemento compensador das desigualdades. 

CCOO-Ensino denuncia a situación de desamparo en que se atopa o profesorado á hora de abordar un terceiro trimestre totalmente excepcional, ante a ausencia de instrucións a mediados de abril sobre como proceder, que tipo de contidos se impartirán  e como se avaliará. A xuntanza da Conferencia sectorial chega tarde e con falta de concreción coa actividade docente deste trimestre xa comezada. Ademais, engadindo un incremento importante da actividade burocrática ao profesorado.

CCOO-Ensino valora que a Conferencia Sectorial adoptara algunhas das propostas que xa trasladaramos  (ver documento), como son a de respectar o calendario escolar aprobado, que a repetición de curso sexa unha medida “moi excepcional”, que no terceiro trimestre non se avance materia e que a avaliación deste trimestre sexa unicamente sobre os contidos dados antes da declaración de estado de alarma.

Esperamos que a Consellería de Educación asuma estas medidas. Demandamos instrucións claras para que no terceiro trimestre non se avance materia e que os centros incidan no reforzo, afianzamento e recuperación das competencias traballadas presencialmente nos dous primeiros trimestres. É de suma importancia o valor de diagnose da avaliación que permita introducir modificacións no currículo no curso ou cursos seguintes. Que esta só sexa considerada para mellorar a avaliación dos anteriores trimestres. 

Insistimos na nosa proposta de que a flexibilización curricular non debe vincularse unicamente ao vindeiro curso. Naqueles niveis que non constitúan final de etapa, podería abranguer máis dun curso dado que habería maior tempo para recuperar o curriculo deixado de impartir. O marco xeral da flexibilización curricular debe establecelo a propia Consellería, para que todos os centros teñan a mesma referencia e se garanta a equidade.

CCOO-Ensino comparte a decisión de que se promocione de modo xeral, salvo casos excepcionais, aínda que lamentamos que non se regule un criterio común sobre o número de materias que poden quedar suspensas polo alumnado. Esta decisión correspóndelle ao Estado e, polo tanto, reclamamos que sexa el quen o decida. Deixar isto nas mans de cada comunidade xeraría graves diferenzas entre territorios.

Con respecto á ABAU, coincidimos co incremento da optatividade das probas, pois non podemos esquecer que a temporalización dos contidos non foi a mesma en todos os centros, e así o  alumnado poderá atopar entre as opcións aqueles temas que lles foron impartidos presencialmente. Isto non vai supor unha proba máis fácil, como se empeñan en denunciar os defensores dun ensino enciclopédico, senón unha proba adaptada ás circunstancias excepcionais en que nos vemos por causa da pandemia.

Seguindo coa ABAU, é unha irresponsabilidade e unha temeridade fixar unhas datas para o seu desenvolvemento e non ter un plan B. Neste momento, ninguén sabe cal vai ser a situación sanitaria nas datas previstas. 

Nos ciclos formativos da FP séguenos preocupando a realización das prácticas e, en maior grao, a FCT. Aínda que se poidan reducir as prácticas ao mínimo establecido e substituír unha parte delas por un proxecto, xa manifestamos que  hai aprendizaxes que, de non se abordar nesta fase, suporán unha carencia importante para a capacitación laboral. Por este motivo, consideramos que aínda que a avaliación poida ser positiva hai que priorizar e facilitar o aprazamento das prácticas a un tempo posterior á finalización do curso. 

Nas ensinanzas de réxime especial non se especifican outras medidas máis aló das referidas ás outras ensinanzas, salvo no caso das materias de instrumento das profesionais de Música e Danza, obviando toda referencia ás ensinanzas superiores. O mesmo acontece coas ensinanzas de persoas adultas, nas que se deixa calquera decisión ás comunidades autónomas, especialmente na ESA, pois estes cursos organízanse de modo cuadrimestral e o alumnado que estaría cursando agora o 4.º curso apenas tiñan iniciadas as actividades lectivas presenciais ao inicio do estado de alarma.

A Consellería debe situar as persoas usuarias (alumnado, profesorado) que están tendo problemas de conexión para buscar unha solución ante unha posible repetición do confinamento. Debe habilitar plataformas e contidos adecuados para o traballo en liña. En conclusión, avanzar na equidade na formación telemática. As medidas que se tomaron ata hoxe son meramente electorais.