CCOO-Ensino esíxelle á Consellería que convoque a mesa sectorial PARA ACORDAR O APRAZAMENTO DO PROCESO SELECTIVO

A Consellería anunciara a finais de marzo que, de prorrogarse o estado de alarma máis alá do día 11 de abril, aprazaría o proceso selectivo. Cando coñecemos que se ampliaría o estado de alarma, a conselleira envíou unha carta ás organizacións sindicais informando de que se mantiña a celebración do proceso selectivo. Case simultaneamente, o presidente da Xunta anunciou aos medios de comunicación que ata maio non tomarían unha decisión final. Cambio de criterio. De novo, insisten nunha política errática máis centrada na permanente precampaña electoral que na preocupación polo sistema educativo galego e pola saúde de toda a comunidade educativa.

Cando o presidente do Goberno de España solicitou ao Parlamento unha ampliación do estado de alarma ata o 26 de abril, tamén anunciou que solicitaría unha nova prórroga con case toda seguridade, co que chegariamos ao 10 de maio en estado de alarma. Así as cousas, por un lado, estariamos sen prazos para desenvolver o proceso selectivo con garantías xurídicas e, por outro lado, a mediados de abril (data límite que esixía CCOO) ninguén pode asegurar que se dean as condicións para que as autoridades sanitarias avalen a celebración de ningún acto no que se convoque a un elevado número de persoas nun recinto pechado. Non se pode asegurar cos datos actuais que non vaia existir risco de contaxio.

Por todo isto, a Consellería de Educación non pode asegurar as condicións sanitarias que CCOO-Ensino esixía no antedito informaTE.

Tamén queremos lembrarlle á Consellería que ten que organizar con todas as garantías a convocatoria da ABAU, e considerar a posibilidade dun aprazamento no caso de non ter condicións sanitarias axeitadas nas datas anunciadas.

Ademais, denunciamos a enorme irresponsabilidade da Consellería por non trasladar instrucións ao profesorado e familias ao respecto de como se vai desenvolver a terceira avaliación. O comunicado de onte na páxina web da Consellería insta a comezar a avaliación con material de repaso, reforzo e recuperación co alumnado, sen clarificar como se vai desenvolver o resto da avaliación á espera do día 15. Esiximos instrucións inmediatas á inspección para que as traslade aos centros co fin de evitar directrices contraditorias por parte dalgúns inspectores e inspectoras, como está a acontecer na actualidade.

CCOO-Ensino, xunto coas outras organizacións sindicais da Mesa Sectorial, pedimos á Consellería a convocatoria da mesa, na que solicitaremos o aprazamento do proceso selectivo de ingreso na docencia polas razóns expostas.

Convén recordar que a oferta do ano 2020 é consecuencia dos acordos de emprego asinados por CCOO e outras organizacións sindicais no Estado. Con ese acordo convócanse 902 prazas de reposición e 1134 enmarcadas no “proceso de estabilización”.

Somos as organizacións asinantes as que debemos analizar na comisión de seguimento do acordo, xunto coa Administración, as fórmulas xurídicas necesarias para garantit que non se perda nin unha soa praza das anunciadas para levar posteriormente a proposta á Mesa Sectorial. A proba de que non se pactou a limitación á taxa de reposición é que nesta OPE se convocan 1134 prazas a maiores daquelas. Aplaudimos que os sindicatos non asinantes dos acordos defendan agora que non se perda ningunha praza das que os “sindicatos estatais” arrincamos ás administracións nos acordos asinados.