OS TRABALLADORES PÚBLICOS SEN MEDIOS E FORMACIÓN NAS RESIDENCIAS PRIVADAS DA PROVINCIA

A Federación de Ensino de CCOO denuncia que non se están cumplindo as condicións que se estableceron nas instrucións de Dirección Xeral de Función Pública para que o Persoal Laboral coidador dependente doutras consellerías reforce á Consellería de Política Social para a atención das residencias de maiores privadas intervidas polo goberno da Xunta de Galicia a raíz da pandemia do COVID 19.

En concreto, se están vulnerando os seguintes principios que se aseguraban dende Función Pública que se ían a respetar para a dotación de Persoal Laboral doutras Consellerías no que respecta ao reforzo nas residencias de anciáns intervidas e con contaxios de COVID 19:

  • Voluntariedade, obrigando baixo ameaza de sanción ou penalización ao persoal laboral coidador a aceptar. Nestas comunicacións telefónicas NON se indican nin as condicións laborais nin as funcións a realizar nin as posibles exencións para o persoal que poida ser un risco para a súa propia saúde ou persoas a cargo no seu propio nucleo familiar.
  • Proximidade xeográfica, mandando a persoal moi lonxe do seu lugar de residencia, por exemplo, coidadoras da Consellería de Educación residentes en cidade de Ourense a residencias de maiores xestión privada, dependentes da Fundación Nosa Señora de Fatima, de O Barco de Valdeorras (225 km e 3 horas de viaxe diarias en traxecto de ida e volta).
  • Aloxamento e pensión completa: Non se está ofrecendo tal condición ao persoal da provincia, en concreto ao persoal coidador antes mecionado que está sendo obrigado a ir a O Barco de Valdeorras, o que provoca cansanzo e fatiga polo desprazamento diario e posibilidade de ser sancionados pola autoridade por desprazamentos innnecesarios, como xa lle ocorreu a algunha delas.
  • Formación: Hai persoal laboral que non está recibindo ningún tipo de formación por parte nin de Política Social nin das empresas privadas, como por exemplo a devandita residencia da Fundación Nosa Señora de Fátima no Barco de Valdeorras , non recibindo formación nin no uso dos equipos de protección individual nin nos coidados a dispensar a enfermos de COVID 19, considerando que o persoal provee doutras consellerías onde se adican a satisfacer necesidades de usuarios moi distintos, como por exemplo o persoal coidador da Consellería de Educación.

 A este  respecto CCOO Ensino considera moi grave que nun dos focos de maior contaxio na provincia,  se esté a chamar a persoal laboral da consellería de ensino que non cumpre cos criterios de formación marcados na resolución do 30 de marzo do Acordo do Centro de Coordinación Operativa no cal se recolle que só se chamará a persoal que posea a titulación de formación profesional de grao medio de técnico en Coidados Auxiliares de Enfermería ou equivalente. 

  • Elevada carga de traballo, á que están sometidos/as con pouco persoal para os diferentes usuarios, provocando cansanzo, fatiga e posibilidade de sobrevir situacións de Incapacidade Temporal.

CCOO Ensino considera intolerable esta situación, provocada pola falta de coordinación entre Consellerías e delas coa Dirección Xeral de Función Pública, xunto coa improvisación e falta de organización do Goberno da Xunta de Galicia na intervención das Residencias de maiores.

CCOO Ensino esixe a Administración que se cumplan as condicións antes expostas para evitar que se vulneren as condicións laborais e se poña en grave risco a saúde dos/das traballadores/as que están a facer un gran sacrificio e esforzo persoal e colectivo en arrimar o ombro nesta grave situación..