CCOO ensino esixe á Consellería reactivar o sistema de substitucións do profesorado

Pese a que os centros educativos galegos están practicamente pechados, a activade lectiva continúa nun formato telemático. O profesorado atende diariamente o seu alumnado presentándolle tarefas que ten que realizar e facendo un seguimento dese traballo. Por este motivo, é imprescindible que a Consellería de Educación substitúa o profesorado que se atope en situación de baixa.

A Consellería de Educación, Universidades e FP, ante a situación de confinamento para controlar a expansión do virus COVID-19, estableceu medidas para que a formación do alumnado se desenvolva en liña mediante diversas plataformas (ABALAR, GSUIT…). Así, a inspección enviou unha circular aos equipos directivos o sábado 21 de marzo, no que requiría o control das actividades que o profesorado propón ao alumnado. Independentemente de que non sexan actividades avaliables, hai que garantir que cheguen á totalidade do alumnado. O profesorado está dando mostra dunha gran profesionalidade utilizando as novas tecnoloxías para dar resposta a unha situación que se desencadeou de forma imprevista.

Pero para poder ofrecer a formación a todo o alumnado, é imprescindible que o sistema de chamamentos de profesorado substituto continúe a funcionar co obxectivo de cubrir todas as baixas que se produzan. Convén recordarlle á Consellería que hai comunidades en que a contratación de substitucións non se paralizou, xustamente para potenciar a atención e unha actividade docente en liña real e efectiva. É a única forma de asegurar que todas as nenas e nenos galegos en idade escolar continúen recibindo exercicios e actividades e que se lles corrixan, así como que as familias reciban directrices para apoiar as actividades dos máis pequenos.

Evidentemente, esta medida ten que ir acompañada de directrices telemáticas e telefónicas ao profesorado substituto dende as direccións dos centros para que a actividade docente non se paralice en ningún momento.