CCOO Ensino denuncia que a Consellería de Educación non cancele todas as citas das revisións médicas do seu persoal, ignorando o estado de alarma

A Consellería de Educación, Universidade e FP, a través das empresas adxudicatarias do servizo de revisións médicas ao seu persoal, mantén as citas aos traballadores e traballadoras para acudiren ás revisións médicas rutinarias, malia estar en vixencia do real decreto de estado de alarma. As empresas concesionarias ameazan con que se perde a cita se non se acode á que xa teñen ou que soliciten o cambio para outra data posterior; ademais, ao solicitar o cambio de data na páxina web, só se pode escoller ata o 30 de abril e por unha soa vez.

Dende CCOO Ensino consideramos gravísimos tales feitos, xa que o RD de estado de alarma decreta o confinamento domicilario da poboación para evitar a propagación do virus, polo que a Consellería e a empresa adxudicataria poñen desta forma en perigo a saúde do seu persoal obrigándoo a acudir á cita, amais de destinar recursos sanitarios humanos e materiais imprescindibles neste momento de emerxencia a tarefas que non son urxentes.

Dende CCOO Ensino esixímolle á Consellería de Educación que se adíen todas as citas para revisións médicas que estaban previstas durante o estado de alarma, e que se lles proporcione unha nova data e hora a todos os traballadores/as que, de forma  responsable, non acudiron á súa cita para non poñer en perigo a súa saúde desde que se decretou o inicio de estado de alarma.