CCOO considera que Feijóo estaría incumprindo o Real decreto de estado de alarma

Toda esta situación está a darse polo errático proceder da Xunta de Galicia e da Consellería de Educación que, nun primeiro momento, obrigaba a todas as traballadoras e traballadores a acudir aos centros educativos, logo negábase a recibir os seus representantes sindicais e, finalmente, para non dar o brazo a torcer, foi reducindo a presenza nos centros ata un único membro do equipo directivo nos centros de mais de seis unidades.

Ver INSTRUCIÓNS PUBLICADAS NO DOG

Os servizos xurídicos de CCOO analizan o que significa estar en estado de alarma. Polo que entendemos que:

No Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, taxativamente establécese o peche dos centros educativos, o que significa o cesamento de toda actividade educativa, incluída a permanencia no centro de calquera traballadora ou traballador. De entender que o profesorado, ou o equipo directivo ou calquera outro traballador ou traballadora do centro educativo puidese permanecer no centro, estableceríase o cesamento da actividade lectiva, e non o da actividade educativa.

Naquelas Administracións educativas que establezan calquera permanencia no centro docente, xa sexa do persoal directivo, persoal docente e non docente, debérase denunciar tal situación ante o Ministerio do Interior ou as súas delegacións para que leve a efecto a normativa establecida polo Goberno nunha situación de estado de alarma. Nesta situación, as competencias educativas foron asumidas polo Estado central, polo que non se pode, neste aspecto, regular medida ningunha que contradiga o establecido no devandito real decreto.

No mesmo sentido, onde haxa regulación autonómica que establece a permanencia no centro dun membro do equipo directivo e unha persoa de administración e servizos, debe entenderse anulada polo citado real decreto xa que, en virtude do principio de xerarquía normativa, este real decreto derroga calquera normativa anterior que non se axuste ao estipulado nel.

  • No ámbito educativo, as medidas aparecen recollidas no artigo 9, onde se establece:

  • Suspéndese a actividade educativa presencial en todos os centros e etapas, ciclos, graos, cursos e niveis de ensino contemplados no artigo 3 da Lei Orgánica 2/2006, do 3 de maio, de Educación, incluída o ensino universitario, así como calquera outras actividades educativas ou de formación impartidas noutros centros públicos ou privados.
  • Durante o período de suspensión manteranse as actividades educativas a través das modalidades a distancia e «en liña», sempre que resulte posible