CCOO-Ensino rexeita a actitude da Xunta no traslado das medidas contra o COVID-19 ás traballadoras e traballadores e aos centros, e esixe medidas claras e concisas que non lles xeren confusión

CCOO-Ensino solicitou o mesmo día 12 pola mañá unha entrevista coa conselleira ou co director xeral de centros e recursos humanos. A intención non era outra que intercambiar propostas de organización do traballo que terían que realizar os traballadores e traballadoras dos centros de ensino, unha vez anunciada a suspensión da actividade lectiva dende o vindeiro luns.

Lamentablemente, a Consellería non entende o mesmo e sobe á web as medidas adoptadas nos centros educativos e envíallelas aos e ás representantes das traballadoras e dos traballadores cerca das 21 horas, sen se poñer previamente en contacto con nós.

As medidas anunciadas responden á improvisación. Rexeitan o diálogo e fan propostas que xa fracasaron noutras comunidades. Non podemos entender como se pretende que os traballadores permanezan todo o seu horario de traballo nuns centros educativos nos que non haberá alumnado (en Madrid fixeron o mesmo e tiveron que recuar), someténdoos a desprazamentos innecesarios, cando está a recomendarse que se eviten, que se pase o maior tempo posible na casa e se reduza ao mínimo posible calquera actividade de relación social.

Moitas e moitos teñen fillos menores (que non poden asistir aos centros educativos) ou maiores a cargo (polo peche de residencias), e teñen a obriga de atendelos. Pero a Consellería di que o centro é onde se dan as mellores condicións para desenvolver o teletraballo. 

CCOO-Ensino cuestiona a medida da implementación das actividades telemáticas en todos os niveis educativos. Esta solución en determinados niveis afondaría a fenda dixital, xa que non todo alumnado ten o mesmo acceso a estes medios.

Insistimos en que a Consellería debe reunirse coas organizacións sindicais para buscar as mellores solucións a unha situación de alerta sanitaria na que o máis importante é preservar a saúde. O que necesitamos son medidas claras e precisas que non creen confusión na súa aplicación e non cerimonias de anuncio de medidas que quedan niso.

ver medidas XUNTA

ver Protocolo Actuación