CCOO Ensino expresa o seu rexeitamento ao modo de actuar da Xunta de Galicia ante a crise do COVID-19

 Ver COMUNICADO

Desde a Federación de Ensino de Comisións Obreiras de Galicia queremos denunciar o noso profundo rexeitamento a como está actúando o Goberno da Xunta de Galicia ante a crise do COVID-19. 

Sen poñer en cuestión ningunha medida que se tome para previr a saúde da poboación, consideramos absolutamente intolerable que os representantes dos traballadores/as do Ensino de Galicia, xunto cos centros educativos, nos informemos pola prensa da suspensión das actividades lectivas.

Porén, esiximos unha reunión urxente coa conselleira de Educación no día de hoxe para que nos comunique as medidas detalladas para velar pola saúde laboral dos traballadores e as traballadoras do ensino galego,  que son a nosa máxima preocupación, considerando unha irresponsabilidade o anuncio do presidente da Xunta en rolda de prensa deste mediodía, na que afirmou que o persoal docente e o resto dos traballadores e traballadoras do ensino deben acudir igualmente aos centros educativos así como a do alumnado dado que os centros non se pechan e só se suspenden as actividades lectivas.

Consideramos unha burla as palabras do presidente da Xunta, que evidencian un profundo descoñecemento da realidade educativa dos centros cando declarou que “ a ver se artellamos a semana próxima unhas clases por internet”, coas que atentaría contra o propio principio de equidade e afondaría nas fendas sociais xa existentes: non todo o alumnado ten a mesma facilidade de acceso a medios informáticos e conexión a Internet nos seus fogares.

Este sindicato apoiará todas as medidas destinadas a favorecer a contención dos contaxios. Pero isto debe facerse con orde e sensatez, xa que o anuncio feito polo presidente en rolda de prensa só consegue alimentar a alarma social e provocar un forte malestar, xa que non se aclara como organizar o servizo educativo. As medidas que se han tomar no nivel organizativo e de xestión dos centros educativos non poden ser as mesmas en todas as etapas. Pero deben ser o suficientemente claras e concretas ao fin de que cadaquén teña claras as súas funcións e formas de actuación. 

Por iso, desde CCOO ensino quedamos á espera da xuntanza demandada á conselleira, na que agardamos medidas claras, detalladas e contundentes que protexan os traballadores e traballadoras do ensino, así como a toda a comunidade educativa.