CCOO-Ensino denuncia a deriva autoritaria da dereita en materia educativa.

CCOO-Ensino denuncia que VOX e os seus socios da dereita queren impor o PIN parental para impedir a ensinanza da liberdade, apelando á liberdade de ensinanza. Esta pretensión é un atentado contra o dereito a unha educación baseada nos principios democráticos. Incluso desde unha perspectiva xurídica e, sobre todo, constitucionalista, non se pode impedir ningunha actividade escolar baseada nuns currículos aprobados consonte a lei vixente. Non se poden programar actividades á carta para que os pais decidan a participación dos seus fillos en función dos seus prexuízos ideolóxicos ou crenzas. 

CCOO quere deixar constancia de que as nosas leis recoñecen a non discriminación por motivos de raza, orixe, condición social e de xénero ou orientación sexual e identidade de xénero, e non podemos permitir que sexan vulneradas por ninguén, ao lles furtar aos seus fillos o dereito á información. Neste sentido, a lomce (unha lei aprobada pola dereita co rexeitamento de toda a comunidade educativa) recolle no seu artigo 5 que a información aos menores debe ser «veraz, plural e respectuosa cos principios constitucionais».

A aplicación  do pin parental supón unha censura que atenta contra o propio dereito do alumnado a recibir unha educación asentada nos principios democráticos e igualitarios que o profesorado e outros profesionais desenvolven nos centros, en aplicación duns currículos oficiais.

CCOO-Ensino manifesta que é una agresión á liberdade de cátedra do profesorado, ao que se pretende atemorizar con ameazas de denuncias. Pero non van conseguir acovardarnos porque somos conscientes de que a escola é un espazo cooperativo de aprendizaxe onde a educación en valores democráticos nunca vai desaparecer. CCOO defenderá a todo o profesorado que sufra calquera tipo de agresión por educar en igualdade e valores.

CCOO-Ensino lamenta a inacción e o silencio da Administración educativa galega fronte ás reclamacións feitas por esta organización, xa no mes de setembro, contra a campaña realizada pola organización de ultradereita Hazte Oír nos centros educativos de Galicia. Nesa campaña avogábase pola implantación do devandito pin parental. Ademais, como membro do Observatorio Galego contra a Discriminación por orientación sexual e identidade e expresión de xénero, solicitamos unha xuntanza urxente para tratar este tema; ía realizarse no mes de xaneiro pero, en vista das datas en que nos atopamos, parece que non vai ter lugar. Ten que ser a Valedora do Pobo, a instancias de CCOO, quen abra dilixencias pola denuncia presentada contra esta campaña.

Dende a Federación de Ensino de CCOO de Galicia demandamos —na liña das proposicións presentadas polos grupos parlamentarios de En Marea e Esquerda en Común— que o Parlamento galego tome postura de forma clara e meridiana contra calquera intento de aplicación do pin parental na nosa comunidade autónoma.