OS REPRESENTANTES SINDICAIS DO ENSINO CONCERTADO FORON RECIBIDOS POLA CONSELLEIRA DE EDUCACIÓN

Os representantes sindicais de FSIE, UGT, CCOO e USO foron recibidos pola conselleira de Educación, Dª Carmen Pomar Tojo. Despois de máis de seis meses intentando ser recibidos, e mediando unha expulsión policial da Consellería e un peche, o pasado 9 de xaneiro fomos recibidos, por fin, pola conselleira de Educación, que estivo acompañada polo director xeral de Centros e Recursos Humanos e pola subdirectora xeral de Centros, nunha xuntanza na que non houbo concreción sobre os temas tratados e tras a que, de non haber movementos, non se descartan as mobilizacións.

Publicado o 13 de xaneiro de 2020

 A xuntanza permitiunos informar a conselleira da situación das traballadoras e dos traballadores do ensino concertado, dos recortes sufridos desde 2009, das demandas que levamos reclamando desde hai anos: acordo de xubilación parcial, aboamento da paga extraordinaria de antigüidade, acordo de mantemento de emprego, homologación salarial e das condicións de traballo co ensino público, pagamento delegado e complemento autonómico para o PAS, pagamento do complemento por coordinación dos equipos de dinamización lingüística e das substanciais diferenzas coas traballadoras e os traballadores do ensino concertado do resto do Estado. 

Aínda que a xuntanza transcorreu nun clima de cordialidade e xenerosidade no tempo, a conselleira e os membros do seu equipo rexeitaron calquera compromiso de negociación sobre asuntos que lles propuxemos nin acordar calendarios de negociación para as datas vindeiras. Limitáronse a manifestar que estudarían as nosas propostas e que procurarían abordar nos próximos meses aquelas que consideraran máis factibles para chegar a hipotéticos acordos. 

Polo tanto, estamos ante unha declaración de intencións pero ningunha concreción. A conselleira recoñeceu que tiñan moi presente que estabamos en ano electoral e que, máis cedo ca tarde, concretarían algo. Ante a nosa petición de que a Comisión Tripartita do Ensino Concertado debera ser o foro adecuado para seguir traballando en prol de conseguir acordos, a conselleira contestou que só seriamos convocados se tiñan algunha proposta concreta que facernos

Polo tanto, se non hai propostas concretas nas próximas semanas, a mobilización do ensino concertada é o único camiño.