21 de Maio – Folga nos centros de asistencia e educación infantil

Ante os comunicados doutras organizacións sindicais que intentan minar a crecente mobilización e as continuas adhesións de delegadas de todos os sindicatos con representación no sector, realizando afirmacións falsas e infundadas, CCOO manifesta:

   Que a decisión de non asinar o novo convenio tomouse no seo da nosa organización despois de realizar as consultas pertinentes á nosa afiliación.

  Que o sentir e o descontento das traballadoras afiliadas a outras organizacións sindicais non difire do das afiliadas a CCOO. A precariedade no sector é unha realidade e non entende de siglas; os baixos salarios afectan a todas por igual; a dificultade para conciliar é a tónica xeral. Non entendemos como os dirixentes do resto de sindicatos lles dan as costas ás traballadoras e se alían coas organizacións patronais. A cambio de que?

  Que CCOO non deixa atrás as miles de traballadoras dos centros privados. Somos un sindicato de clase, non clasista. Outros xustifican o asinamento afirmando que unha parte do sector (o de xestión indirecta) sairá beneficiado, omitindo que en moitas comunidades autónomas non se licita ata dentro de dous ou tres anos e que, entrementres, o salario das educadoras será de 910 euros. Nós sentímonos orgullosos de ter como delegadas de xestión indirecta traballadoras que se solidarizan coas súas compañeiras deses centros privados e que defenden con afán unha mellora xeneralizada das condicións laborais.

Que non te enganen! Independentemente da túa afiliación sindical, o próximo día 21 tes unha oportunidade histórica para expresares o teu rexeitamento a tan tremenda inxustiza. Por primeira vez, o sector farase visible, sairá á rúa en todo o Estado e fixaranse as bases na construción dunha etapa educativa que trate con dignidade as súas traballadoras.