A Inspección de traballo confirma o incumprimento Da Lei de Prevención de Riscos Laborais na Consellería de Educación ante demanada presentada por CCOO

O caso que denunciamos corresponde ao colectivo de persoal coidador. É usual que nos centros non se dispoña da dotación de material adecuado para desenvolver as súas funcións. 

O alumnado que precisa para os seus desprazamentos unha cadeira de rodas presentan unha problemática asociada que require de axuda para realizar algunhas das súas funcións vitais. É necesario dispor de aseos adaptados ás súas necesidades, así como lugares adecuados para mudalos cando o necesitan. Da mesma forma, nos casos en que o alumnado alcanza determinado peso é necesario un equipo para poder trasladalo de forma segura dende a cadeira a unha padiola. 

No caso denunciado a Inspección de traballo confirma a vulneración do artigo 17.1 da Lei 31/1995 do 8 de novembro, de Prevención de Riscos Laborais; tamén confirma a vulneración do artigo 3.1 do RD 1215/1997 de 18 de xullo polo que se establecen as disposicións mínimas de seguridade e saúde para a utilización polos traballadores dos equipos de traballo. O informe tipifica as dúas infraccións como graves e sanciona á administración. Faille un requirimento para corrixir a situación nun prazo de dous meses.

CCOO-ensino ven demandando dende hai moitos anos o cumprimento da Lei 31/1995 , de 8 de novembro, que despois de 23 anos segue sen cumprirse como acabamos de demostrar con este informe.

Queremos denunciar ante a opinión pública a desidia da Consellería de Educación en todo o que se refire ao cumprimento da Lei de Prevención de Riscos Laborais. A día de hoxe aínda non está realizada a avaliación xeral de todos os postos de traballo e nos casos en que está realizada mediou denuncia previa.

 

CCOO continua na loita polo cumprimento da normativa vixente en materia de seguridade e seguirá a denunciar todos aqueles casos non que non se cumpra.