NEGOCIACIÓN DO VIII CONVENIO COLECTIVO DE COLEXIOS MAIORES UNIVERSITARIOS

Desde a primeira xuntanza, CCOO e o resto de sindicatos manifestamos os aspectos prioritarios para negociar:

  1. En materia de clasificación profesional, propuxemos modificar e revisar algúns postos de traballo que foron conflitivos pola súa ambigüidade na redacción.
  2. En relación co ámbito temporal, inicialmente propuxemos un acordo para tres anos nos que se negocien e publiquen táboas para todos os anos de vixencia do novo convenio. Consideramos indispensable que o ámbito temporal e o ámbito salarial coincidan, de xeito que se blinden os salarios e non se volvan producir anos de perda salarial.
  3. En materia salarial, recuperación do poder adquisitivo dos anos en que quedaron conxelados os salarios, e para 2018, 2019 e 2020 subas similares ao acordado no AENC. Estariamos falando de subas de entre o 2 % e 3 % para cada ano. Creación de novos complementos especiais e complementos (de quendas, de festividade…).
  4. En relación cos descansos semanais, demandamos que pasen a ser de dous días que se aproveiten de maneira consecutiva e que, polo menos unha vez ao mes, coincidan coa fin de semana, especificando «sábado e domingo».

Tamén manifestamos a necesidade de revisar e mellorar aspectos en materia de permisos e licenzas, establecer un sistema de bolsas para fillos/as do persoal que cursen estudos nas universidades ás que están adscritos os colexios maiores e a eliminación no texto do convenio de «a xuízo do empresario», entre outras demandas.

Pola súa parte, o banco patronal considerou excesivas as nosas peticións, malia que lles demos prioridade ao longo das reunións ás que coidabamos máis relevantes, como son as relativas a salarios, clasificación profesional e descansos.

Mostráronse inmobilistas desde o inicio das negociacións, manténdose na postura de non negociar táboas salariais con carácter retroactivo e propondo un convenio cos mínimos retoques e unha suba que non supere o 3 % repartido entre os dous primeiros anos de vixencia do convenio, deixando o ano 2020 por negociar, de se acordar a vixencia para tres anos.

Ante a falta de avances no proceso negociador e vendo que as posturas están moi distantes para alcanzar un acordo, comprometémonos a buscar fórmulas de achegamento antes de fixar unha nova data de reunión da mesa negociadora.

 DESCARGA ESTE INFÓRMATE EN PDF