CCOO-ENSINO ALERTA DE QUE O NOVO CATÁLOGO DE INFANTIL E PRIMARIA PERPETÚA AS POLÍTICAS DE RECORTES NA EDUCACIÓN DO GOBERNO DO PP

A Consellaría volve aproveitar o parón estival para continuar cos recortes no ensino público pechando colexios, suprimindo liñas e destruíndo postos docentes de costas ás familias e ao profesorado deixando moi lonxe a tan anunciada recuperación.

CCOO-Ensino alerta que a Orde do 6 de xullo que modifica o catálogo de centros públicos de infantil, primaria e educación especial perpetúa a política de recortes que vén aplicando a Xunta de Galicia dende hai anos. O sindicato denuncia que pechar centros e unidades e destruír postos docentes é unha política irresponsable, insolidaria e moi nociva para o alumnado e as familias galegas, que son os grandes damnificados de tales decisións polas consecuencias que lles supón: lonxanía, masificación e deterioro da calidade do ensino público

Segundo as estimacións da central sindical, a Xunta pecha 38 unidades en Educación Infantil e 34 en Educación Primaria, o que fai un total de 72 unidades pechadas. Isto ven engadido ao peche de 9 escolas unitarias e aos peches e transformación de centros que se viviron nos derradeiros días do curso. Por outra banda, suprímense 90 postos docentes, dos que 46 corresponden a Educación Infantil. Trátase dunha auténtica desfeita que xa é costume na Consellaría cada verán, como denuncia CCOO-Ensino

CCOO-Ensino considera a situación moi preocupante, pois o ensino é xestionado en termos empresariais cando é un servizo público e un dereito fundamental, e como tal, non debe entender de recortes ou criterios de austeridade. Alén diso, é unha garantía de igualdade de oportunidades e un factor social equilibrador, razón pola que rexeitamos estas modificacións.

CCOO-Ensino rexeita os métodos da Consellaría dado que actúa sen negociación e de xeito unilateral, sen consultar aos lexítimos representantes dos traballadores e traballadoras e sempre de costas aos docentes e Equipos Directivos.  

CCOO-Ensino alerta de que as cifras son demoledoras para o persoal docente e en consecuencia para a calidade educativa,  imposible de acadar con aulas masificadas e menos profesorado, saturado de traballo burocrático e asumindo tarefas que non lles son propias.

CCOO-Ensino denuncia tamén que esta política de destrución contribúe á despoboación do rural, pois é onde se pechan máis centros educativos, pois todas as unidades que se crean no novo catálogo corresponden ás grandes vilas e ás súas zonas de influencia, feito que non anima a fomentar a natalidade, dado que se priva ás familias de poder ter un amplo catálogo de centros escolares onde escoller.