CCOO-Ensino denuncia a caótica xestión da Consellaría no actual proceso de concurso-oposición

A Federación de Ensino de CCOO amosa a súa preocupación respecto á improvisación constante da Consellaría no actual proceso selectivo, que está a provocar que as persoas opositoras vivan nunha total incerteza e nun estado de ansiedade.

 

Todo comezou coa tardanza na convocatoria do concurso-oposición, debido a que foi usado como moeda de cambio para chantaxear á oposición política tentando conseguir que aprobasen os orzamentos do partido gobernante. A isto sumouse a esaxerada demora na publicación das listaxes de persoas admitidas e excluídas, que tivo lugar un mes despois do fin do prazo. A novidade da inscrición e pago de xeito telemático, que en teoría debería ter servido para axilizar as cousas, non logrou o seu obxectivo.

 

Ademais, a estas alturas é inadmisible que non se publicaran as notas das probas de galego e castelán, polo que quen as fixo descoñece se poderá comezar o proceso selectivo este sábado.

 

Alén diso, unha semana despois de ser publicados no DOG os Tribunais e estando tan só a catro días do comezo das probas, as persoas opositoras seguen sen saber en que tribunal e en que localidade farán os exames. Isto supón un grave e intolerable dano para o persoal interesado, especialmente para quen solicitou localidades nas que non haberá tribunais porque lles obriga a ter que organizarse para conciliar a súa vida familiar coa realización das probas, a planificar as viaxes, etc… 

 

Por todo o anteriormente exposto, desde CCOO-Ensino denunciamos a caótica xestión neste proceso selectivo e instamos á Consellaría a que poña remedio de xeito inmediato a unha situación que prexudica ao persoal docente, vítima da improvisación constante, do desleixo e do pouco tacto da Consellaría, que semella ser incapaz de garantir un proceso ordenado cuns prazos razoables. Por último, tamén queremos solidarizarnos coas persoas opositoras damnificadas neste despropósito que denunciamos, ao mesmo tempo que animamos a que sigan centradas no proceso selectivo.