17 de Maio de 2017, Día das Letras Galegas

 

O dicionario da Real Academia Galega define 'idioma' como a «lingua natural propia dunha comunidade humana, especialmente a lingua moderna dunha nación». Ante un novo 17 de Maio, Día das Letras Galegas, as Comisións Executivas da Unión Xeral de Traballadores de Galicia e do Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia poñemos en primeiro plano esta definición para subliñarmos a importancia capital da lingua galega para a propia comprensión e concepción do noso país.

O galego, como idioma, é vehículo de comunicación para unha ampla parte da nosa sociedade, tanto para quen o ten como lingua propia como para quen o usa de xeito ocasional. É, así mesmo, a canle para transmitir a cosmovisión que conforma a nosa idiosincrasia como pobo. Unha lingua con mil anos de historia que decote renovan as persoas que a falan para mantela como idioma de presente e de futuro.

Xa o temos dito en anteriores ocasións e non cansaremos de repetilo, alto e claro: o galego perténcelle a toda a sociedade. Trátase da maior creación colectiva do noso pobo, un verdadeiro monumento perfilado e tallado ao longo dos séculos. Correspóndelle, xa que logo, ao pobo de Galicia preservalo de xeito mancomunado, responsable e orgulloso.

Con todo, aínda persisten en numerosos ámbitos os impedimentos para un uso normal do galego, perpetuando prexuízos que callan especialmente entre a mocidade, cada vez máis refractaria ao idioma propio do país. Por se fose pouco, o mal chamado decreto do plurilingüismo rebaixou o peso do galego no ensino e a contrarreforma educativa (a LOMCE) degradou as linguas cooficiais distintas do castelán. Ambas as normas  hipotecan gravemente o futuro deste herdo colectivo.

Ao tempo que isto acontece, e coa escusa da crise económica, o noso Goberno reduce ano tras ano o orzamento destinado á normalización lingüística, que xa minguou un 70 % desde o regreso do PP á Xunta. Isto debe mudar decontado, porque os poderes públicos teñen encomendada a misión de normalizar plenamente os usos da lingua galega, de acabar coas aínda numerosas trabas para unha vida plena e normal en galego. Porque só equiparando plenamente o galego á outra lingua oficial de Galicia será posible falarmos de «liberdade».
 
O homenaxeado, Carlos Casares

Por último, CCOO e UGT alentamos as traballadoras e traballadores de Galicia a tomaren parte na permanente e esencial tarefa de lograr a plena normalización lingüística. Convidamos, tamén, o conxunto do pobo galego a se sumar a este compromiso e celebrar con entusiasmo o Día das Letras Galegas, dedicado este ano ao polifacético escritor Carlos Casares que, precisamente, amosou unha grande inquedanza pola mocidade, á cal dirixiu unha parte notable da súa obra. Sen xuventude que fale galego non hai futuro para o idioma. Sen xuventude non hai futuro para o país.